viernes. 11.10.2024

A Casa das Campás acolle mañá, 21 de abril, a partir das 20.00 horas, a segunda proxección do Cyclocinema, incluído no programa Pontenbici, que organiza a Concellaría de Transportes, que xestiona Miguel Filgueira. Será A bicicleta verde / Wadja, de Haifaa Al-Masour, Arabia Saudí, 98, 2012.


A bicicleta verde baséase na vida dunha sobriña da directora. Wadjda ten dez anos e vive nunha sociedade tan tradicional que certas cousas como ir en bicicleta lle están totalmente prohibidas. A pesar de todo, é unha nena divertida e emprendedora que bordea sempre o límite entre o autorizado e o prohibido. Wadjda desexa ter unha bicicleta para poder competir co seu amigo Abdullah nunha carreira, pero a súa nai non llo permite porque as bicicletas son un perigo para a dignidade dunha rapaza.


Conmovedora, sutil, inxeniosa, divertida, didáctica, inspiradora, é a primeira película dirixida por unha muller en Arabia Saudí. Reflicte unha sociedade tan tradicional como hipócrita na que as mulleres, vestidas dende a testa as cellas, só serven para preparala comida a sua familia e concibir fillos -varóns, claro-. Pero Wajda loitará por conseguir a bicicleta e apuntarase a un concurso de recital do Corán no seu colexio, cuxo premio é unha considerable cantidade de diñeiro…


A bicicleta verde é un dos sopros de aire fresco no cinema actual, unha valorosa aposta de cine e unha lanza rota polos dereitos humanos de todas aquelas que poderían ser, ou ter sido a protagonista desta historia. Wajdja non é só unha nena e a súa bici non é un sinxelo xoguete, senón a representación da liberdade e as aspiracións individuais subxugadas por unhas convencións machistas e autoritarias.


Cuestiona e crítica dende unha anécdota sinxela as encorsetadas diferenzas de xénero e as hipócritas contradicións morais dunha sociedade onde, aínda hoxe en día, unha bicicleta para as nenas ou un coche para as mulleres é unha deshonra irreversible. Así pois, a importancia deste filme reside no seu carácter divertido, reivindicativo, conmovedor, en alzarse como unha pequena homenaxe á superación e á igualdade das mulleres nun ámbito moitas veces adverso e agridoce, e por que non, dende a pantalla, constitúe un motor que defende ese cambio tan necesario para todas as Wajdjas que existen no mundo.


2013: Premios BAFTA: Nominada a Mellor película de fala non inglesa.
2013: Independent Spirit Awards: Nominada a Mellor ópera prima.
2013: Satellite Awards: Nominada a mellor película estranxeira.
2013: National Board of Review (NBR): Premio á liberdade de expresión.

Segunda sesión do Cyclocinema coa proxección de A bicicleta verde