martes. 03.10.2023

O servizo de atención temperá de Cuntis cumpre tres anos coidando da poboación infantil da comarca con alteracións de desenvolvemento

Hai tres anos e dous meses que deu inicio no Centro de Formación Ocupacional do polígono de A Ran de Cuntis o Servizo de Atención Temperá posto en marcha pola agrupación de Concellos de Cuntis, Barro, Caldas de Reis, Moraña, Portas e Catoira.

 

concello-cuntis-atencion-tempera

Hai tres anos e dous meses que deu inicio no Centro de Formación Ocupacional do polígono de A Ran de Cuntis o Servizo de Atención Temperá posto en marcha pola agrupación de Concellos de Cuntis, Barro, Caldas de Reis, Moraña, Portas e Catoira. 
O servizo ofrécese no marco da Rede Galega de Atención Temperá a través da cofinanciación do Fondo Social Europeo (FSE) Galicia 2014-2023, asumindo cada Concello da agrupación o seu compromiso de execución. 

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, fixo unha valoración moi positiva deste período afirmando que “para todos os Concellos se converteu nun servizo esencial e irrenunciable grazas ao que podemos prestar unha atención especializada e fundamental á poboación infantil da comarca con alteracións de desenvolvemento ou risco de padecelas ”. 
Como sinalou o rexedor “todos os municipios estamos moi satisfeitos cun servizo que é unha garantía de integración social para os nenos e nenas de 0 a 6 anos con problemas evolutivos e unha ferramenta fundamental para as súas familias”. 
Nesta liña, Campos puxo de manifesto o “compromiso da agrupación de municipios para seguir ofrecendo de maneira conxunta este servizo tan importante no futuro que permite dar resposta canto antes ás necesidades transitorias ou permanentes que poidan presentar os menores dos diferentes municipios”.

O Servizo de Atención Temperá é atendido por  unha psicopedagoga, unha fisioterapeuta e unha logopeda que lles ofrecen aos menores con alteracións que acoden ao centro os coidados especializados necesarios para o seu desenvolvemento integral. 
Hai que lembrar que a alteración non necesariamente teñen que estar relacionados coa discapacidade ou con problemas familiares. 
O obxectivo último do servizo é o de promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións dirixidas a facilitar a autonomía persoal e a inclusión dos nenos e nenas. 

Actualmente o punto de Atención Temperá situado no polígono da  Ran atende ao redor de 60 cativos e cativas. A xestión do servizo é realizada polo  Concello de Cuntis que, tal e como establece o convenio, encárgase dos aspectos materiais (instalación e mantemento), da xestión do persoal, da tramitación administrativa así como da contratación das actividades ou prestacións necesarias, entre outras cuestións.

O servizo de atención temperá de Cuntis cumpre tres anos coidando da poboación infantil...