martes. 30.05.2023

Todo listo en Poio para recibir aos Reis Magos con todas as medidas de seguridade

Para asistir á carpa da Seca, onde terá lugar a Cabalgata estática (17.30horas), será necesario presentar o pasaporte COVID por parte das persoas maiores de 12 anos
reis-magos-poio

Xa está todo listo para que Poio reciba aos Reis Magos de
Oriente. A cabalgata estática que se emprazará na carpa da Seca cumprirá con todas as
medidas de seguridade pertinentes, tal e como garantiu a concelleira de Cultura, Raquel
Rodríguez (BNG), que tamén confirmou que se requirirá o pasaporte COVID no aceso á
explanada a todas as persoas maiores de 12 anos. Lémbrase que é obrigatorio o uso de
máscara e que haberá que manter a distancia interpersoal entre persoas non convivintes.
O departamento municipal controlará os acesos e saídas para evitar aglomeracións.
Tal e como xa se anunciou hai uns días, Melchor, Gaspara e Baltasar chegarán á Seca,
acompañados dos seus paxes, e saudarán aos e ás asistentes desde tres carrozas
engaladas coma embarcacións mariñas, que quedarán emprazadas na carpa, que abarca
1.000 metros cadrados de extensión e seis de altura. A súa chegada está prevista para as
17.30 horas. Non obstante, a actividade na zona comezará antes, ás 16.30, con inchables
e animación musical. Durante a tarde tamén amenizará a actividade a Charanga Mil 9.
Previamente, durante a mañá, os Reis Magos tamén farán un percorrido en automóbiles,
cedidos de xeito altruísta polo Concesionario Renault, Caetano Fórmula Galicia, por todas
as parroquias. Minutos antes do seu paso anunciarase a súa chegada por megafonía. A
comitiva partirá ás 11.00 horas das inmediacións de Ferreirós, e desde aí pasarán pola
igrexa de San Salvador (11.20 horas), o parque de Costa Xiráldez de Lourido (11.40), a
Praza da Granxa de Campelo (12.00), a Praza da Chousa de Combarro (12.30), a Praza
Alfredo Romay de Samieira (13.00) e o porto de Raxó (13.20). Estes horarios son
aproximados. En cada unha destas zonas haberá unha animación musical, sempre e
cando as condicións meteorolóxicas así o permitan, para dar a benvida aos Reis Magos, a
cargo da Charanga Mil 9, a Asociación Vides Novas e a Batucada Os Queimatasas. Esta
primeira toma de contacto das súas Maxestades de Oriente co municipio rematará en
torno ás 14.00 horas, momento no que serán recibidos na Casa Consistorial, onde tamén
realizarán unha saúda.

A concelleira de Cultura expresa o seu agradecemento aos colectivos que colaboran na
animación desta data “tan sinalada e agardada polas nosas crianzas”, así como a
implicación da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, que acompañará aos Reis
Magos, ademais da Policía Local e do persoal municipal que velará por que todo
transcorra con normalidade. Ademais, Raquel Rodríguez lembra que os nenos e nenas de
Poio aínda están a tempo de depositar as súas cartas nos buzóns habilitados en
diferentes puntos do municipio, descargándose da web municipal a carta. As misivas
poden deixarse nos elementos instalados na Casa Consistorial, en Costa Xiráldez, na
Praza da Chousa, no peirao de Raxó e na Praza Alfredo Romay de Samieira.

Todo listo en Poio para recibir aos Reis Magos con todas as medidas de seguridade
Comentarios