sábado. 20.04.2024

A contorna da Seca, na parroquia de San Xoán, será esta fin de semana o escenario da oitava edición das Olimpíadas Populares Galegas, unha iniciativa organizada pola Asociación O Quilombo e que conta coa colaboración do Concello de Poio. As edís responsables das áreas de Cultura e de Deporte, as nacionalistas Raquel Rodríguez e Marga Caldas, participaron este luns na presentación do evento, acompañadas por responsables do colectivo organizador. Estas olimpíadas darán comezo o venres 10 de xuño e prolongaranse ata o domingo 12, ofrecendo a posibilidade de participar en diferentes modalidades deportivas, entre as que se inclúen disciplinas típicas da tradición galega e xogos populares. “Máis ca unha competición en si mesma, que se ofrece é un espazo de convivencia e amizade para o tecido asociativo e a veciñanza en xeral, de xeito que poidan gozar de tres xornadas nas que a tradición e o deporte son as protagonistas”, indican as concelleiras do Goberno municipal.

As VIII Olimpíadas Populares Galegas supoñen “unha gran oportunidade para dar promoción e visibilidade á cultura galega, ao tempo que se fomentan valores como a igualdade, o feminismo e o coidado polo medio ambiente”, explican os seus e as súas impulsoras. As probas contarán cun gran índice de participación e levaranse a cabo en emprazamentos da contorna do pavillón e da explanada da Seca, así como na área da Reiboa. Entre as modalidades nas que competirán os e as participantes pódense atopar as disciplinas máis tradicionais, como son o atletismo (con carreiras de 100 a 5.000 metros), o tríatlon ou o salto de lonxitude, así como probas moi vencelladas á tradición do país, como é o caso da billarda. Non faltarán tampouco outros xogos de carácter popular, como é o caso do tiro de corda, o lanzamento de boina ou o brilé. A oferta complétase con xadrez. “Son propostas a través das cales foméntanse os hábitos saudables, pero que tamén serven para poñer en valor zonas nas que practicar deporte e gozar dos espazos naturais como os que temos en Poio e, máis concretamente, na contorna da Seca”, aseveran as dirixentes municipais. Nestas probas toman parte equipos formados por desde 5 a 16 integrantes.

Ademais de todas estas probas, o programa tamén ofrece unha serie de actividades complementarias, como son foliadas abertas, que terán lugar á finalización de cada xornada deportiva. A maiores, ofrécese a opción de tomar parte nun roteiro guiado polos muíños da Freixa e un obradoiro de fútbol gaélico. “É, en definitiva, un evento que vai máis alá do deporte e que pon en valor a nosa cultura e a nosa tradición”, conclúen Raquel Rodríguez e Marga Caldas.

Todo listo para que a Seca acolla a oitava edición das Olimpíadas Populares Galegas