lunes. 04.07.2022

Turismo de Poio presenta a sua nova páxina web

O espazo virtual, turismodepoio.gal, xa está operativa e está perfectamente adaptado para o seu uso a través de diferentes dispositivos e ofrece información sobre lugares de interese, rutas de sendeirismo, praias, patrimonio, eventos ou aloxamentos 
turismo-poio

O Concello de Poio conta desde hoxe cun portal web “que está á altura da importancia do noso sector turístico”. Así o confirmou a tenente de alcalde e concelleira de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), durante a presentación da páxina turismodepoio.gal, un espazo web que vén de experimentar unha profunda renovación e que se consolida como “un gran escaparate de todos os atractivos que ten o noso municipio”. Díaz estivo acompañada na presentación da web, xa activa desde este venres 3 de xuño, por representantes da empresa Trivium, responsable desta actualización.

Tamén acudiron ao acto representantes da Asociación de Hostaleiros de Poio e profesionais que tomaron parte no programa Descubre Poio. O Concello investiu neste proceso uns 12.000 euros, máis IVE. Foron catro as entidades que se presentaron ao concurso de licitación. “Con este novo portal de turismo melloramos de xeito notable a nosa competitividade no mercado dixital”, afirmou a representante do Goberno municipal, que resaltou a importancia de contar hoxe en día con ferramentas con este potencial á hora de acadar un dos grandes obxectivos que persegue a Administración local e os profesionais do sector, como é consolidar a súa imaxe de marca como destino de referencia. A nova web vai máis alá da achega de datos e información de interese para usuarios e usuarias.

Un dos principais avances que presenta é que todos os contidos atópanse, ademais de en galego e en castelán, en inglés, o que supón un paso máis á hora de captar e fidelizar ao público internacional, que é unha das metas a acadar por parte da Administración local e dos e das profesionais do sector. Outra característica a destacar é que se poderá acceder a turismodepoio.gal “mediante o uso de calquera dispositivo, incluídos smartphones. 1 Contamos, ademais, cun paquete ‘SEO on page – off page’ que permitirá que academos un mellor posicionamento nos buscadores, o que facilitará o incremento de visitas”, apuntou Díaz. “As persoas que visiten a nova páxina web non só disporán dunha ampla información sobra as rutas de sendeirismo, as praias, o patrimonio histórico ou eventos lúdicos, senón que tamén terán á súa disposición un mapa virtual no que tamén se recollen a maiores datos de numerosos negocios e aloxamentos turísticos.

Deste xeito, a través desta ferramenta tamén buscamos promocionar a oferta de prazas hoteleiras e axudar á dinamización do sector”, explicou a concelleira de Turismo, que se referiu tamén a outras seccións como a axenda, na que se recollen as datas cos diferentes eventos de interese que se celebran en Poio. Esta ferramenta funcional permite enlazar directamente co Google Maps, para facilitar a localización e os percorridos correspondentes, especialmente útil para coñecer o emprazamento de negocios específicos ou zonas de interese como poden ser as rutas de sendeirismo ou os miradoiros. Outro dos puntos fortes da nova web de Turismo é que facilita a interacción coas redes sociais, que pasan a estar totalmente integradas no portal. Silvia Díaz salientou, asemade, que a páxina web presenta unha estrutura que facilita o seu uso intuitivo por parte das usuarias e usuarios, que contarán á súa disposición con material audiovisual de interese.

“Son cinco vídeos promocionais que tamén serán difundidos a través das redes de Turismo de Poio nas vindeiras semanas”, adiantou, ao tempo que tamén fixo fincapé no feito de que esta ´web “está preparada para estar en constante crecemento e acoller novos contidos. É un espazo vivo e dinámico, que actualizaremos de maneira periódica”, garantiu. A tenente de alcalde finalizou resaltando a importancia de contar cunha ferramenta que “nos permite continuar avanzando no obxectivo de consolidar ao noso municipio como un destino turístico de referencia durante os doce meses do ano”

Turismo de Poio presenta a sua nova páxina web
Comentarios