O Galegote Rock é un festival onde o galego e a música son os grandes protagonistas. Organizado pola Concellería de Normalización Lingüística de Pontevedra e producido pola produtora Pontevedra ao Vivo, pretende achegar a mellor música das bandas galegas ao público, así como promocionar os grupos que cantan na nosa lingua.
O Galegote celebra a súa IV edición e xa comeza a ser unha cita sinalada para público e músicos. En anteriores edicións participaron grupos de renome como Terbutalina, Nao, Zënzar ou Ruxe Ruxe, e grupos locais como Os Fervellasverzas ou Foxy Freire.
Este ano o festival ten varias novidades: será de balde, e celebrarase en distintos puntos da cidade para que o gocen todas as persoas que se encontren neses días en Pontevedra.
A Sala Karma, El Pequeño, a cervexaría Trueque, A Gramola, O Grifón e O Lusco e Fusco, ademais da praza de Méndez Núñez e a praza das Cinco Rúas serán os lugares onde se levará a cabo o festival.
Outra das novidades é o cambio nos horarios e no número de días. O festival aumentara un día máis, comezando o mércores 13 de maio e rematando o sábado 16. Este último será o día grande, xa que haberá concertos dende as dúas da tarde ata as once da noite.
A calidade e variedade dos grupos no Galegote Rock 2015 é moi importante.
O cartel formano grupos como Narf e Caxade (con premios e nominacións en distintos certames; Mestre Mateo, Premios da Música Martín Codax…etc), o grupo ourensán Os Amigos dos músicos, o cantautor Leo I Arremecaghona, as bandas locais Querido Extraño e Mike Grelo, e o Dj especializado en rock galego e bravú O Xabarín de Bora.
Haberá un día dedicado ao Jazz, David Regueiro Swingtet, e o peche será en Sala Karma con Superoito e Martelo.
Nove grupos e un Dj que levaran o Galego e a Música por toda a cidade.
A organización do Galegote decidiu convidar, aínda que fóra do cartel e aproveitando que están de xira, os grupos portugueses The Birds Are Indie e A Jigsaw, que realizarán varias actuacións pola cidade durante a fin de semana do festival. Estas actuacións tamén serán de balde.
INFORMACIÓN GRUPOS: GALEGOTE ROCK 2015
NARF
Compositor e intérprete que reparte a súa actividade entre o mundo da canción, a composición por encargo e o teatro. Publicou tres discos baixo nome artístico de NARF.
ALO IRMAO,CD-DVD gravado en directo, en compañía do artista guineano, Manecas Costa, no teatro Principal de Santiago de Compostela. O disco acadou O Nº 1 No “top ten” da RTP África, tres semanas en agosto de 2010.
TOTEM, o CD contén temas como “Quero ser tambor”, amplamente difundido en países como Mozambique ou Brasil, e “Santiago”, canción coa que acadou o 2º posto no concurso da canción en linguas minorizadas europeas, no festival Liet Lavlut, Suecia.
DIRECTO EN COMPOSTELA. Primeiro disco do proxecto Narf. Con este disco realizou unha xira por España compartindo escenario e micrófono con Javier Muguruza e Miquel Gil, nun espectáculo conxunto chamado Mundo Café.
Ademais realizou o proxecto BUMBA en 2005, convidando a catro artistas Mozambicanos pertencentes ao grupo Timbila Muzimba, sendo un dos primeiros artistas que propuxeron a fusión da guitarra eléctrica co instrumento tradicional chopi, a timbila, que ten o recoñecemento de patrimonio universal da cultura pola UNESCO. O espectáculo presentouse en Galiza e en Maputo, Mozambique.
Presentou os seus concertos en importantes teatros de Londres, Salvador de Bahía, São Paulo, Bos Aires, Sevilla, Recife, New Cattle, Río de Xaneiro, Katmandú, Nova Delhi…etc.
DAVID REGUEIRO
David Regueiro é un músico versátil. Un habitual dos festivais de jazz galegos. Mira cara o jazz manouche sen complexos, cunha formación moi seria chamada Swingtet. O guitarrista vigués ten experiencia e calidade para “swinguear” ao estilo Django e consegue o mesmo tempo que a súa música soe eficazmente moderna. O seu repertorio confórmano un magnífico abanico de cancións que apetece escoitar unha e outra vez.
QUERIDO EXTRAÑO
Neste personaxe pontevedrés conflúen os estilos que o influíron desde sempre (50’s, 60’s, 70’s, Rock, Country, Swamp, Surf, Pop, Folk, Blues…). Pasados polo seu filtro persoal presenta o directo nun formato acústico, acompañado dunha guitarra, a harmónica, a percusión e toneladas de paixón, abordando temáticas fronteirizas, bíblicas, románticas, terroríficas e mortuorias.
OS AMIGOS DOS MÚSICOS
Os Amigos dos Músicos son galegos do sur. Desa contradición xorden cancións que falan daquilo que temos e non podemos negar, que buscan mirar dende lonxe aquilo que nos cobre. E fano empregando esa mesma materia, o corpo. O seu corpo.
A lingua é corpo coma o mar é movemento. Música con escalas de cinco tons e harmonías vocais a distancia de tres pés. Pero palabras acomodadas nas que nos recoñecemos. Mirámonos ao espello e estamos a gusto. Diso se trata, de estar a gusto co noso corpo. O noso corpo. Pop e Folk americano de calidade.
MIKE GRELO E CURMÁN
Mike Grelo e o alter ego de Rodrigo Valiente. Músico polifacético e multiintrumentista que participa en distintas bandas (A Banda do Terror, The Trunks, Quatro de Abril…etc) e que esta vez lanzase en solitario acompañado da súa guitarra e do seu curmán a batería para presentarnos cancións pop-rock en galego.
LEO I ARREMECÁGHONA
O Leo i Arremecághona!!! é o nome do proxecto musical como cantautor punk de Leonardo Fernández Campos, nado no barrio vigués de Matamá, en 1974. É un artista polifacético, filólogo e poeta. A traxectoria musical do Leo i Arremecághona iníciase arredor do ano 1997, aínda que comeza a ser coñecido cando é chamado para abrir os concertos da xira galega de Albert Pla en 1998. Do mesmo 1998 é o seu primeiro disco Suspiros de Kaña, do que se editaron un milleiro de copias distribuídas polo propio autor. O disco sería reeditado no ano 2006 pola Regueifa Plataforma en formato mp3. O proxecto musical que representa O Leo i Arremecághona!!! céntrase nas súas actuacións ao vivo, espectáculos que rozan o formato da performance e nas que o autor se caracteriza para interpretar determinados personaxes. É habitual que o espectáculo punk tamén estea precedido de versións acústicas de autores da canción protesta galega e dos cantores de abril. No 2009 colaborou no proxecto de acción poética “A Revolta das Letras”, celebrado o Día das Letras Galegas en Santiago de Compostela. Forma parte doutros proxectos musicais, como Labregos do Tempo dos Sputnik (xunto a García, MC de Dios Ke Te Crew) e Das Kapital (xunto a Daniel Salgado e Marcos Payno).
CAXADE
Caxade é o novo proxecto persoal de Alonso Caxade. Folk-pop con arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da vella Europa. Música elegante, modesta e sinxela, surrealismo posmodernista e discurso reivindicativo, metafórico e irónico
SUPEROITO
Superoito é un grupo galego de rock and roll fundado en Ordes en xaneiro do 2013. Formado por Gianne, Xabi e Glenn autodefinense no seu idioma e sen ningún escrúpulo: “Tocamos rápido e bailamos moi bien”.
Levan máis de sesenta concertos en menos dun ano, onde mostran as súas facetas máis rebeldes e desmelenadas. Actualmente encóntranse inmersos na xira de presentación de seu último disco Todo me dá voltas.
MARTELO
Martelo é o Power Rock Trio de Xacobe Martínez Antelo, que xunto a Manuel Cebrián na guitarra e Max Gómez na batería, vén achegar unha dose enerxética de actualidade á escena estatal do Rock. Cancións orixinais, combativas, e poderosas con letras corrosivas e mordaces en galego.
O XABARÍN DE BORA DJ
Home de taberna e músico multiinstrumentista dende os trece anos (Os Villanos de Bora, Flip Corale, A Banda do Terror…etc). Agora móstranos a súa faceta como Dj e melómano do rock galego.
THE BIRDS ARE INDIE
Son Joanna e Jerónimo. Unha historia de amor convertida nun grupo musical ou un grupo musical convertido nunha historia de amor. Tras 14 anos xuntos pouco importa se antes foi o ovo ou a galiña, especialmente se o resultado son unhas deliciosas cancións de pop folk como as que recolle “How Music Fits Our Silence“, o seu disco debut.
Cun claro espírito intimista, este recoñecido dúo de Coimbra bebe da amargura que transmiten bandas como Low ou Tindersticks, aínda que con frecuencia déixanse levar a territorios moito máis alegres.
A JIGSAW
É unha banda de blues folk portuguesa, formada en Coímbra. O seu son é caracteristicamente multi-instrumentista (guitarra, banxo, harmónica, violín…etc)
A banda que aparece no ano 1999 xa ten unha dilatada experiencia nos escenarios de medio mundo.
O seu último disco Drunken Sailors & Happy Pirates, atraeu a atención dos medios internacionais, sendo mencionados en The Guardian, Ruta 66, Rolling Stones ou aparecendo nos concertos de Radio 3.