A Festa da Xuventude viviu onte unha das xornadas de maior asistencia de público dos últimos anos, coa solta de vaquiñas e o espectáculo ecuestre de Santi Serra como principais atractivos.
Milleiros de persoas ateigaron a praza móbil instalada na área lúdica de Vilarello para aplaudir as actuacións dos recortadores de Arte y Emoción e dos afeccionados locais ante Rodadora e Ojalada, as dúas vaquiñas da gandería Toros de Brazuelas de Valladolid. A Cuadrilla de Tito de Victoriano deu o pistolezado de saída á solta co seu xa tradicional paseíño cheo de gracia.
Os espectaculares saltos, recortes e caneos dos recortadores profesionais e a valentía da que fixeron gala os toureiros valgueses foron un aliciente máis para un público que, pese á desagradable climatoloxía e ao partido do Mundial que disputaba a selección española, acudiu en masa a esta cita anual.
Manuel Morgade levou o trofeo ao mellor toureiro da tarde, Esteban da Cuadrilla de Tito de Victoriano foi distinguido como o máis simpático e Manuel Rodríguez como o toureiro de máis idade. O equipo de Casaldeirigo proclamouse gañador do partido de fútbol-vaca que se disputou no ruedo.
Trala solta deu comezo un dos momentos máis agardados da tarde e que atraeu a Valga a numerosos espectadores foráneos: o espectáculo ecuestre do televisivo domador Santi Serra. A actuación do gañador de “Tú sí que vales” foi impresionante, en perfecta comuñón e entendemento cos catro cabalos e dous cans que tomaron parte no show de doma en liberdade.
![]() |
![]() |