sábado 31/7/21

Valga convoca a Ruta-Concurso “Tapa a Anguía”

Os bares e restaurantes teñen de prazo ata o 30 de xullo para inscribirse nesta iniciativa gastronómica.
tapa-anguia-valga2

A Ruta-Concurso “Tapa a Anguía”, que o Concello convoca anualmente dentro da programación da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, celebrarase as dúas últimas fins de semana do mes de agosto. Será a oitava edición desta iniciativa, coa que se quere promocionar un dos produtos estrela da festa, a anguía, e incentivar o consumo nos locais de hostalería do municipio.

Os bares e restaurantes que queiran participar no certame gastronómico teñen de prazo ata o día 30 de xullo para anotarse no Concello. A folla de inscrición poden descargala na páxina web municipal (www.valga.gal) e deben entregala debidamente cuberta no Rexistro municipal.

“Tapa a Anguía” mantén nesta edición o formato do pasado ano. A degustación de petiscos nos establecementos participantes prolongarase durante dúas fins de semana completas, as do 21 e 22 de agosto e 28 e 29. As tapas, que terán como produto estrela a anguía, serviranse de xeito gratuíto coas consumicións. Os sábados o horario será de 12:00 a 15:00 e de 20:00 a 23:00 e os domingos só ao mediodía (de 12:00 a 15:00 horas). A parte de concurso desenvolverase unicamente durante a primeira fin de semana, quedando o 28 e 29 de agosto como xornadas de degustación.

No referido aos premios, o público decidirá cos seus votos cales son os locais gañadores dos Mandís de Ouro, Prata e Bronce. Para participar na votación é preciso reunir os selos dos bares participantes despois de degustar as súas tapas e introducir a papeleta nas urnas habilitadas ao efecto. Entre todos os participantes sortearanse dez vales de 30 euros cada un para gastar no comercio local.

Tamén se manterá o xurado profesional, que será o encargado de elixir a tapa que se degustará o vindeiro ano na Festa da Anguía.

ruta-tapa-anguia-valga-2021

Comentarios