viernes. 01.07.2022

Valga opta a 5’6 millóns de Fondos Europeos para impulsar o turismo en torno ao Camiño, o patrimonio mineiro e os recursos enogastronómicos

Baixo a marca “Valga no Camiño” inclúense accións coma a rexeneración da Mina Porto Piñeiro ou a reconstrución da antiga liña de vagonetas
bello maneiro

O Concello de Valga vén de presentar un proxecto á convocatoria extraordinaria dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino. A accións que se propoñen diríxense a potenciar o turismo en torno a recursos coma o Camiño de Santiago, o patrimonio mineiro e a enogastronomía. O investimento previsto ascende a 5’6 millóns de euros.

O proxecto, que se financiaría con cargo aos fondos de recuperación europeos Next Generation, ten como accións máis destacadas a rexeneración da antiga mina de extracción de arxila Porto Piñeiro para o seu aproveitamento turístico sostible, a reconstrución da antiga liña de vagonetas entre a Mina Mercedes e o río Ulla e a construción dun complexo de aloxamento e restauración que potencie a economía circular.

Ademais, partindo da creación da marca turística “Valga no Camiño”, tamén se proxecta a creación dun Centro de Interpretación da Anguía, rutas de sendeirismo e cicloturistas, a instalación de puntos de recarga para e-bikes e patinetes e a construción de áreas de descanso e miradoiros en torno ao Camiño Portugués e a ruta marítimo-fluvial da Traslatio. Neste sentido, ao ser o Camiño de Santiago, un dos principais recursos turísticos da zona, preténdese incentivar ao peregrino a facer unha parada obrigada en Valga atraído polos recursos gastronómicos e espazos medioambientais do municipio.

A proposta elaborouse tendo en conta as catro liñas estratéxicas que esixe o Goberno: transición verde e sostible, eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade. As accións propostas permitirán deseñar unha oferta complementaria e diversificar o produto turístico local, mellorando a competitividade de Valga como destino, xerando emprego e contrarrestando a perda de poboación.

Valga opta a 5’6 millóns de Fondos Europeos para impulsar o turismo en torno ao Camiño,...
Comentarios