viernes. 29.03.2024

Valga será a partir do vindeiro mes de abril porto escala da campaña Cruceiros Costeiros 2019, un proxecto promovido pola Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan+) en colaboración coa axencia Turismo de Galicia e Portos de Galicia. A adhesión do Concello a esta iniciativa turística foi presentada este mediodía nunha comparencia na que participaron o alcalde, José María Bello Maneiro; a concelleira de Turismo, Ramona Otero; o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís; o presidente do comité de expertos e de certificación de Agan, Valentín Domínguez; e José Manuel Estévez, patrón da embarcación Pelegrín IV, da compañía navieira Cruceiros Pelegrín, que explotará a ruta polo río Ulla e a Ría de Arousa con porto base na área recreativa de Vilarello.

 

A ruta, segundo o itinerario que está deseñándose, partiría dende o porto de Vilagarcía e remontaría o Ulla ata Valga, onde o catamarán unha parada para coñecer o entorno e realizar visitas de carácter cultural e patrimonial a outros enclaves próximos. Un guía turístico acompañará aos viaxeiros que, trala súa estancia no municipio, porán rumbo á illa de Sálvora con servizo de comida a bordo da embarcación. O regreso prevese en torno ás 18 horas. Aínda así, hai que ter en conta que os horarios estarán condicionados polas mareas. A ruta estará operativa dende o vindeiro 1 de abril e ata mediados do outono. Esta será a primeira ruta fluvial do programa Cruceiros Costeiros, que en 2018 realizou un total de 104 viaxes polas rías de Arousa, Pontevedra e Vigo nas que participaron máis de 5.000 persoas.

 

O obxectivo de cara á campaña de 2019 é mover a uns 6.000 turistas en 120 saídas. Por iso, o alcalde destaca o enorme pulo que este proxecto pode supor para Valga, convertendo ao río Ulla en porta de entrada de visitantes e posicionando turísticamente á vila como porto cultural, de natureza e gastronómico. Bello Maneiro destacou, que o convenio que se asinará con Agan+ suporá que o escudo e o nome de Valga estarán visibles en todos os folletos promocionais de Cruceiros Costeiros que se distribuirán entre axencias de viaxes e colectivos de Galicia e España e que acadarán tamén repercusión internacional a través do portal náutico www.nauticdestination.com. Ademais, os veciños de Valga poderán beneficiarse de bonificacións nos prezos das rutas de Cruceiros Costeiros.

 

O representante de Agan+, Valentín Domínguez, fixo fincapé na proximidade do Ano Santo 2021 e na vinculación entre a tradición xacobea e o río Ulla a través da ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, que rememora a chegada a Galicia do corpo do apóstolo Santiago e que está recoñecida como un dos Camiños de Santiago. A itinerario fluvial de Cruceiros Costeiros que comezará funcionar en abril “pode supor un novo pulo para esta esta ruta xacobea a dous anos vista do Ano Santo”, incidiu Domínguez.

 

O presidente do comité de certificación de Agan+ realizou durante esta mañá varias visitas á contorna fluvial das parroquias de Cordeiro e Campaña. Na praia fluvial de Vilarello fixo unha auditoría do pantalán e das instalacións existentes, destacando a “impresionante” beleza do lugar e as “enormes posibilidades” que ofrece para explótalo turísticamente. Outra das paradas tivo lugar en Campaña, onde está proxectada a instalación dun novo pantalán para embarcacións turísticas e de recreo, unha iniciativa que xa conta con autorización de Costas do Estado e que conlevará un investimento de máis de 250.000 euros en colaboración con Portos de Galicia.

Valga será a partir de abril porto base dunha ruta turística polo ulla dentro do...