viernes. 19.04.2024

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o borrador do
convenio que o Concello asinará coa Deputación de Pontevedra para a obtención de
fondos a través do programa ReacPon (Reacciona Pontevedra), impulsado pola máxima
institución provincial. Unha vez superado este trámite, está previsto que nos vindeiros
días se proceda a asinar o documento, que permitirá á Administración municipal dispoñer
dunha importante contía económica para impulsar un ambicioso proxecto de mellora de
mobilidade, humanización e posta en valor na contorna de Portosanto, Saíñas e A
Puntada, na parroquia de San Salvador.
Estas xestións foron levadas a cabo pola Concellería de Promoción Económica e
Urbanismo. O seu responsable, o socialista Gregorio Agís, lembra que Poio percibirá uns
942.000 euros da Deputación para custear estas obras. Tal e como figura no documento,
estes orzamentos deberán estar executados antes do 30 de abril do ano 2023. Agís
amosa a súa satisfacción pola obtención desta axuda, xa que “permitirá poñer en valor e
impulsar unha importante transformación nun dos núcleos máis importantes de San
Salvador”. Ademais, agradeceu á Deputación de Pontevedra que impulse programas
como ReacPon, a través do cal os concellos de menos de 50.000 habitantes “teñen a
oportunidade de impulsar proxectos de gran calado e de mellora da calidade de vida da
cidadanía”.
Unha vez se complete toda a tramitación previa, que será asumida polo Concello, a
empresa que resulte gañadora do concurso de licitación desenvolverá traballos que
incluirán a renovación e dotación de servizos básicos, así como á humanización de
diferentes espazos, facendo especial fincapé na seguridade peonil e na redución da
pegada de carbono, respectando en todo momento as construcións tradicionais. Neste
sentido, Gregorio Agís incide na importancia de levar a cabo unha actuación deste tipo
nunha zona “de moito tránsito”, xa que nesta contorna se atopan varios lugares de
interese, como a Casa Museo de Colón, a escola infantil de Saíñas ou un área recreativa.
“A obra suporá un antes e un despois para a veciñanza de San Salvador”, concluíu o edil
de Promoción Económica e Urbanismo.

A xunta de goberno aproba o borrador do convenio para a mellora integral da contorna de...