Científicos especializados en Fitopatoloxía procedentes de Asturias, Cantabria, Galicia, País Vasco e Comunidade Valenciana daranse cita este martes 24 de febreiro na Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, para tratar diferentes aspectos do cancro bacteriano do kiwi nunha sesión convocada pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro para abordar formulacións conxuntas contra esta enfermidade da planta.
A xornada de traballo terá lugar ó longo da mañá, desde as 9:00 ata as 14:30 h. Nela exporase unha postura común fronte a esa enfermidade, causada pola bacteria Pseudomonas syringae pv. Actinidiae, que está a causar graves perdas económicas nos principais países e zonas produtoras do cultivo do kiwi.
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro está a desenvolver diversas iniciativas de investigación, con proxección europea, para mellorar a calidade do kiwi galego. Estas iniciativas derivan de convenios asinados entre a Deputación de Pontevedra e distintas entidades públicas e privadas de Galicia e España.
En Galicia cultívanse máis de 500 hectáreas de kiwi, sobre todo nos concellos pontevedreses de Oia, Tomiño, O Rosal e A Guarda. A produción representa o 65 % do total español.
España é o país con máis consumo per cápita de kiwi do mundo; consume 80 millóns de quilos e só produce 12 millóns. A produción deste cultivo en Europa (Nova Zelanda é o país de referencia, xa que este ano lle vendeu 40.000 toneladas de kiwi a España) iniciouse en Galicia, que conta coas condicións óptimas para este tipo de froito.
Asturias, País Vasco e Portugal están ampliando as súas plantacións de kiwi á vista das potencialidades que ofrece o mercado español. Portugal, por exemplo, declarou produto estratéxico este cultivo e recentemente ampliou a súa superficie de produción en 300 ha.