lunes 10/5/21

O Concello de Brión lanza unha nova campaña de trampeo profesional contra a vespa velutina

A campaña de 2020 pechouse con 3.746 capturas, un 83% máis co ano anterior, co que se evitou a creación de entre 1.640 e 4.920 niños

brion-velutinas

O Concello de Brión vén de iniciar a súa terceira campaña de trampeo profesional contra a vespa velutina, que un ano máis está a levar a cabo a empresa SERPA Servizos Privados Anti Velutina. Unha firma que nos últimos días colocou un total de 112 trampas xeolocalizadas por todo o municipio, facendo fincapé nas zonas de maior presenza de persoas.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, explica que “loitar contra esta especie invasora, que está poñendo en perigo a apicultura e o noso ecosistema, non é doado. Pero o trampeo primaveral estase a amosar como a forma máis útil para reducir o número de niños, polo que convidamos aos veciños e veciñas de Brión a sumarse á iniciativa elaborando trampas caseiras e colocándoas nos seus xardíns, especialmente preto das camelias e outras especies de floración temprana. Está comprobado que un bo trampeo pode reducir ata nun 40% o número de niños dunha zona”. O proceso de elaboración das trampas, así como os atraentes máis eficaces segundo a época do ano, están a disposición da veciñanza na web municipal: www.concelleodebrion.gal. 

Éxito do trampeo

A campaña de primavera de 2020 saldouse cun total de 4.746 capturas, un 83,7% máis ca en 2019 (2.039 velutinas), das que 1.640 eran raíñas, fronte ás 840 recollidas o ano anterior. Dende SERPA explican que “dado que cada vespa velutiña raíña formará 3 niños diferentes dentro do seu ciclo anual, estímase que durante o trampeo primaveral de 2020 se eliminaron entre 1.640 e 4.920 niños potenciais”.

O trampeo desenvolverase ao longo de cinco fases, entre marzo (colocación das trampas nos distintos emprazamentos) e finais de xuño. De acordo coa experiencia dos dous anos anteriores, o maior número de capturas teñen lugar dende mediados de maio, se ben o maior número de capturas de raíñas teñen lugar ao principio do trampeo e na primeira quincena de maio.

Por parroquias, o maior número de exemplares foi capturado en Brión (815), seguido dos Ánxeles (590), Luaña (571) e Viceso (494). As trampas instaladas en Bastavales deron boa conta de 485 velutinas, mentres en Cornanda se capturaban 429. Completan a lista as parroquias de menor extensión: San Salvador (170), Ons (155) e Boullón (104). Por trampas, a máis efectiva foi a número 60, colocada en Vioxo de Abaixo (Luaña), que capturou 95 exemplares. Séguena de preto a número 67 de Goiáns, na mesma parroquia, con 77 exemplares, e a 54 en Liñares (Brión), con 76 capturas. Pola contra, a número 7 de Vidaloiso (Bastavales) é a que menos exemplares ten capturado (4), se ben as outras dúas instaladas na mesma localidade apañaron 37 e 33 exemplares, respectivamente. So houbo que lamentar a desaparición de seis trampas ao longo da campaña, que foron reposta para as seguintes fases. 

Trampas caseiras

Por outra banda, o modelo de trampa caseira proposto para a veciñanza elabórase con catro botellas de plástico: unha enteira e as outras tres unicamente co terzo superior da botella. Sobre a botella principal, que é onde se verte a mestura atraente, levará uns buratos na parte superior de 5 milímetros como saídas para insectos de menor tamaño ca velutina e irá pendurada dun cordel. Sobre esta botella colocarase un terzo doutra botella, que evitará a entrada da auga da choiva e faranse dous buratos laterais, por onde entrarán os outros dous terzos de botella cos seus correspondentes tapóns, con tres buratos de 9 milímetros de diámetro, que será por onde entren as avespas. 

En canto aos atraentes, na primeira quincena de abril recoméndanse tres mesturas diferentes: 70% zume de arandeiras e 30% de cervexa negra; cervexa negra cunha cullerada sopeira de mel con vinagre; ou 70% de zume de arandeiras, 30% de viño e media cullerada de fermento. Os mellores lugares para colocar as trampas ata o 15 de abril serán os salgueiros, valendo tamén as camelias, árbores froiteiras, cerdeiras en flor, maceiras e loureiro real. As trampas colocaranse a 1,5 metros de alto e outras a 3 metros, recomendándose colocalas no lado sur da árbore.

Para a segunda quincena do mes de abril mantéñense as recomendacións dos atraentes, se ben tamén se recomenda empezar a colocar trampas preto de regatos ou ríos, pois son días nos que as raíñas de velutina buscan sitio para facer o niño secundario. Unhas prácticas que se manterán durante os meses de maio e xuño, mes a partir do que se retirarán estas trampas pois deixan de ser eficaces.

Comentarios