martes 26/10/21

Estafan a unha veciña de Padrón 5.000 euros mediante “vishing”

No caso de Padrón, os estafadores fixéronse pasar por empregados de Abanca.
movil5

O Concello de Padrón alerta á veciñanza fronte as fraudes telefónicas e lembra que non se debe facilitar ningunha información persoal nin bancaria a través do teléfono. Unha alerta motivada diante da confirmación dun caso de “vishing” no municipio, unha fraude cometida a través dunha chamada telefónica na que as persoas estafadoras conseguiron os datos bancarios e persoais dunha veciña de Padrón e lle levaron máis de 5.000 euros da súa conta.

O “Vishing” é unha estafa baseada en comunicacións telefónicas ou mensaxes de voz que suplantan a identidade dunha empresa ou persoa de confianza. No caso de Padrón, os estafadores fixéronse pasar por empregados de Abanca e lle reclamaron os datos á persoa estafada para desistir nunha suposta compra realizada por Internet. Aproveitándose do nerviosismo da persoa, fixéronse con datos clave para proceder a roubarlle os máis de 5.000 euros que tiña na conta.

Por iso, dende o Concello de Padrón lembran que nin as entidades bancarias, nin as compañías eléctricas, nin o propio Concello solicitarán ningunha información persoal nin bancaria a través de teléfono, especialmente as claves únicas que a persoa recibe por SMS. Así mesmo, recomenda que, diante dunha chamada de alerta sobre unha fraude, o mellor que se pode facer é poñerse en contacto coa entidade a través doutro medio para verificar a veracidade da información ou facelo en persoa.

Finalmente, o Concello de Padrón insta a aquelas persoas que sospeitan que puideron ser vítimas de vishing a que presenten denuncia da estafa diante da Policía Nacional, a Garda Civil ou o xulgado.

Comentarios