martes 26/10/21

Nace en Brión o festival solidario 'Fest for Dent'

O recadado coa venda de entradas -que están xa á venda por 3 euros en establecementos das localidade- empregarase en axudar a financiar a investigación da enfermidade de Dent, unha doenza xenética minoritaria.
art-for-dent

A música arroupará a presentación oficial da asociación Art for Dent en Brión, cun festival solidario cunha variada oferta que engloba contos e cancións para público infantil, música tradicional e clásica, pop, rock e blues o sábado 16 de outubro, de 16h a 20h, na Carballeira de Santa Minia. A primeira edición do Fest for Dent propón unha tarde de música para toda a familia con fins solidarios, xa que todo o recadado coa venda de entradas -que están xa á venda por 3 euros en establecementos das localidade- empregarase en axudar a financiar a investigación da enfermidade de Dent. En caso de choiva, o festival trasladarase ao Pavillón Municipal.

O menú musical do Fest for Dent contará coa banda infantil de pop-rock en galego Música Miúda, coa gañadora dos Recantos de Ouro do Luar da TVG Ruth Cundíns, co grupo de pandeireteiras da escola de música e baile tradicional de Brión e mais coa Banda Municipal da localidade. Tamén haberá oco para os grandes temas do pop, do rock e do blues da man dos veteranos composteláns Zona Vella e mais dos locais V-roc e Gate 3.

A enfermidade de Dent é unha doenza xenética que afecta gravemente ás funcións habituais dos riles, impedindo que o organismo asimile elementos básicos para a vida como proteínas, vitaminas, potasio, magnesio ou calcio. A día de hoxe, esta doenza non ten cura nin tratamento, pero o Hospital Clínico de Santiago de Compostela e mais o Vall d´Hebrón, en Barcelona, están desenvolvendo investigacións que poderían mellorar ou solucionar este problema no futuro. Co obxectivo de axudar a financiar estas investigacións, naceu en maio de 2021 a asociación Art for Dent, que está formada por un grupo de familias galegas con nenos afectados por esta enfermidade minoritaria.

Para conseguilo, a asociación Art for Dent leva a cabo diferentes actividades: recollida solidaria de tapóns, venda de merchandising, exposicións artísticas, murais solidarios e, agora, o Fest for Dent, que organizan en Brión man a man con Kratos Restaurante, Gate 3 e Culturactiva. Contan tamén coa colaboración das bandas e grupos participantes e do Concello de Brión e co patrocinio de ducias de establecementos comerciais da localidade: as farmacias de Brión, a adega Santa Minia, Brincan, Mesón Abelleira, Panadería La Canela, Mesquiteira, Brión Motor, Novo Faro, mesón O'Adro, J&L Peluqueros, Limpiezas Batalla, Pastelón do camiño, Café Bar "Áncora", estancos "Os Ánxeles" e "A Senra", Peitéate Peluquería, Estanco Bastabales, centro de negocios Brión, Policlínica Os Ánxeles, Emesar, Terras de Labranza, Bar A Pedra, Taller SafeStop, Asociación Cultural e de Veciñ@s O Tremo, Novoneón Rótulos e PolboPrint.

A entrada ao Fest for Dent será libre para as e os menores de idade, mentres que as persoas adultas deberán comprar unha entrada solidaria de 3 euros que xa está á venda no Kratos Restaurante, na papelería Orballo e no estanco Os Ánxeles. Tamén hai fila 0, para quen queira colaborar aínda que non poida asistir ao festival, á venda no Kratos Restaurante.

Comentarios