viernes. 29.03.2024

Vacaloura Santuario animal lanza un SOS desesperado á cidadanía “para non desaparecer”. Así de contundente é a responsable da organización sen ánimo de lucro, Inés Trillo Guerra quen asegura que están nunha “situación de gravidade e urxencia máxima”. A punto de cumprir 10 anos de experiencia e con máis de 4.000 animais rescatados de vivir nas peores condicións e darlles a oportunidade de coñecer a felicidade, agora esta organización conta con tan só 6 meses para poder obter o financiamento preciso para rematar as novas instalacións en Arzúa ou terán que pechar as súas portas.

“As actuais instalación derrúbanse  e o seu estado empeora día a día facendo imposible ter aos animais en condicións adecuadas e dificultando o traballo das persoas voluntarias” lamentan desde Vacaloura. A día de hoxe 250 animais de distintas especies conviven no santuario pero “é imprescindible rematar o novo fogar para poder trasladalos”.

Este prazo de 6 meses van marcado pola necesidade de contar coa declaración de Núcleo zoolóxico exixida por Medio Ambiente xa que entre as especies que albergan existen algunha considerada como especie invasora, é o caso dos porcos vietnamitas ou as carpas que tiveron que ser rescatados pola ONG por ter sido abandonados ou situacións nas que os donos anteriores non podían ou querían facerse cargo xa destes animais. É por isto que tras a última inspección e ante a imposibilidade de obter esta certificación nas actuais instalacións deron un prazo de medio ano para rematar as novas instalacións e poder tramitar xa a consideración de núcleo zoolóxico no novo santuario.

Pese a que a compra do terreo que albergará o novo santuario realizouse hai xa dous anos, os trámites burocráticos e a falla de financiamento impediron avanzar coas construcións, algo que agora vaise xa urxente. Ante a situación económica vivida estes últimos anos e a incerteza actual provocou así mesmo que ningún banco concedese unha hipoteca para a construción do novo santuario. A isto súmase que cada vez reciben menos doazóns e apadriñamentos, o que complica aínda máis a situación.

É por iso que desde Vacaloura, Santuario Animal, lanzaron unha campaña a través dun grupo de teaming coa que pretenden conseguir polo menos 5.000 teamers pedindo unha aportación mensual de 1 euro para lograr manter aberto o santuario e seguir dando unha oportunidade a todos os animais que viven actualmente nel e poder continuar rescatando a tantos e tantos animais. “É un pequeno esforzo a nivel individual pero que suporá a diferencia entre que centos de animais podan seguir desfrutando dun fogar feliz ou queden na rúa” alertan desde Vacaloura.

Vacaloura pide á cidadanía “un euro ao mes” para poder manter aberto o santuario animal