sábado 31/7/21

Catoira abre o prazo de reserva para desfrutar dos eventos da Romaría Vikinga 2021

A próxima Romaría Vikinga, igual que sucedeu o ano pasado, será diferente ás edicións previas á pandemia. Respectando todas as medidas sanitarias e seguindo os protocolos establecidos, o alcalde, Alberto García, deseñou unha programación que aposta polo talento local.

 

CATOIRA21IMAGEN

A próxima Romaría Vikinga, igual que sucedeu o ano pasado, será diferente ás edicións previas á pandemia. Respectando todas as medidas sanitarias e seguindo os protocolos establecidos, o alcalde, Alberto García, deseñou unha programación que aposta polo talento local.

Os actos comezan o domingo 25 de xullo cun concerto de Roi Casal, a partir das 21:30 horas, no recinto das Torres de Oeste.

A Escola Municipal “Úrsula” Teatro de Catoira representará a obra “El-Rei Snie” no recinto das Torres os días 27, 28 e 29 de xullo a partir das 22:00 horas. Trátase dunha adaptación da primeira peza que o grupo danés Vikingespil representou neste singular escenario no ano 1993, e que foi o xerme da Semana de Teatro Romaría Vikinga.

O venres 30 de xullo a Alameda do Peirao acolle o “Valhalla Music Fest”, un festival de música organizado por LuxcoFuxco Eventos, cun cartel que inclúe destacados nomes do panorama musical actual como Danny Romero, Lennis Rodríguez ou Dasoul. A venda de entradas para este evento será a través da plataforma woutick.es

O grupo referente da música tradicional galega, Milladoiro, ofrecerá un concerto o sábado 31 de xullo a partir das 22:00 horas, nun escenario situado diante da Casa do Concello. A formación, integrada maioritariamente por músicos catoirenses, fará un percorrido pola súa traxectoria musical nunha actuación que forma parte do programa Musigal, da Deputación de Pontevedra.

A tarde do sábado e o domingo 1 pola mañá haberá un pasarrúas de Troula, “O Séquito Vikingo”, pola Rúa da Estación, con percusión e zancudos.

O domingo 1 de agosto, día grande da Romaría Vikinga, non haberá desembarco ao pé das Torres de Oeste, pero si que poderemos ver a incursión dunha frota viquinga que se adentrará nas augas do río Ulla ata a Illa de Castrivello. Simultaneamente, o músico catoirense Baiuca actuará no escenario das Torres dentro dun programa presentado por Ismael Sobrino, “O Chuso”, e que será retransmitido online a través das redes sociais do Concello, incluíndo tomas aéreas das embarcacións. Este evento comezará ás 12:30 horas.

A asistencia a todos os eventos –agás o festival Valhalla- será gratuíta, pero con reserva previa de entrada, que poderá realizarse a través da web catoira.gal (sección Axenda) ou na Biblioteca Municipal. O aforo para as actividades organizadas polo Concello limítase a 300 persoas.

RESERVA DE ENTRADAS PARA CADA EVENTO AQUÍ

Comentarios