martes 26/10/21

Ponteareas proxecta vivir o Corpus todo o ano coa creación do primeiro museo a ceo aberto de Galicia

Procura combinar tradición e tecnoloxía para facer do Corpus un referente tamén a nivel tecnolóxico
ponteareas-corpus-todo-ano

Poder gozar da arte efémera e coñecer máis sobre as alfombras florais do Corpus de Ponteareas durante todo o ano. Ese é un dos obxectivos cos que o Concello de Ponteareas lidera unha alternativa pioneira para crear o primeiro museo a ceo aberto de Galicia, unha experiencia de realidade aumentada que procura facer desta festividade un novo referente a nivel tecnolóxico, implicando a grandeza da tradición coas tecnoloxías e incrementando a repercusión destas accións no sector turístico e comercial da vila.
Esta iniciativa da Concellería de Promoción Económica, que dirixe Eva Gil, pretende “pór en valor a toda a veciñanza que de forma vocacional transmite de xeración en xeración o coñecemento e a experiencia de crear as alfombras florais”. 


Eva Gil explica que, “con este proxecto, as rúas de Ponteareas terán sinalizados os tramos alfombrados a través de marcadores con códigos QR. Así, todas as persoas que enfoquen co seu móbil a algún dos códigos, disporán dunha información atractiva sobre o punto no que se localizan e poderán visualizar material relativo á festa do Corpus, a partir de arquivos multimedia dos que dispón o propio concello, así como consultar a información dos portais nos que se realizan os labores previos como o deseño ou a preparación de materiais.

“A través da realidade aumentada, visualizaranse deseños de alfombras de anos anteriores, vídeos da festa nestes tramos, entrevistas e outro material dispoñible que teña relación con cada un dos puntos do percorrido onde se coloque o código QR”, sinalou a concelleira nacionalista.


Ademais, a partir dos deseños das alfombras dos que se dispón de documentación gráfica, vivirase unha recreación sobre imaxe 360º da rúa, permitindo así á persoa visitante ver cal era o deseño da alfombra nun determinado momento da historia e realizar un percorrido virtual evolutivo da festa.

Punto de Información Turística Dinámico
A concelleira de Promoción Económica sinalou que, para dar a coñecer a oferta turística da vila e obter información permanente do Corpus Christi, o Concello avanza tamén na creación dun Punto de Información Turística Dinámico. “Trátase dun panel que estaría en funcionamento as 24 horas dos 365 días do ano, e que ofrecerá un mapa automático para guiar ás persoas visitantes dentro dos itinerarios dispoñibles na vila”, explicou.


Directamente dende o seu teléfono móbil poderán enfocar ao panel e disporán de información relevante de acontecementos temporais e permanentes, permitíndolles escoller como queren vivir a oferta turística da vila. “Porase especial interese na festa do Corpus para que poida ser vivida todo o ano, utilizando material de arquivo de recursos dispoñibles no Concello para a súa posta en valor e poder mostrar algúns dos deseños florais dos pasados anos”, explicou Eva Gil. 


O Concello expuxo este ambicioso proxecto á Axencia Galega de Turismo, propondo a colaboración entre ambas institucións para o desenvolvemento destas accións.

Comentarios