lunes 24/1/22

Valga regresa a Fitur con “Mar de santiago” para promocionar os seus recursos turísticos a través da ruta fluvial a Santiago

  • A concelleira de Turismo, Malena Isorna, representará ao Concello na presentación que terá lugar o día 19
mar-de-santiago-fitur

Valga e os seus principais recursos turísticos daranse de novo a ver na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebra en Madrid a vindeira semana, baixo o paraugas da marca “Mar de Santiago”, coa que dende hai máis dun ano se promociona a ruta xacobea marítimo-fluvial coma a orixe do Camiño de Santiago.

Constituído polos concellos de Vilanova, Catoira, Valga e Pontecesures, o proxecto “Mar de Santiago” ten previsto celebrar a súa presentación o mércores, 19 de xaneiro, ás 18 horas no stand de Galicia en Fitur, que esta mañá se presentou en Santiago. Ao acto, que estivo encabezado polo presidente do Cluster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, asistiu a concelleira de Turismo, Malena Isorna.

“Mar de Santiago” desembarca por segundo ano consecutivo en Fitur co obxectivo de consolidar esta iniciativa que pon en valor os recursos culturais, históricos, paisaxísticos e gastronómicos dos territorios bañados pola ruta marítimo-fluvial, tamén coñecida coma “Traslatio”. Por ela chegaron, no século I, os restos do Apóstolo dende Jaffa, dando así orixe ao fito Xacobeo.

O obxectivo deste proxecto é captar os peregrinos que cheguen a Santiago por calquera dos camiños para que continúen coa súa experiencia visitando os concellos de Mar de Santiago. As xestións que os representantes de “Mar de Santiago” farán en Fitur nos vindeiros días con touroperadores e empresas do sector centraranse, por unha parte, nos traslados dos peregrinos entre Santiago e as comarcas do Ullán e Arousa e, pola outra, en garantir que haxa, cando menos, unha saída en barco todos os días do ano para que os viaxeiros poidan percorrer a ruta “Mar de Santiago”.

Valga regresa a Fitur con “Mar de santiago” para promocionar os seus recursos...
Comentarios