sábado. 20.04.2024
Santiago Rodríguez será o candidato do Partido Popular á
alcaldía de Salceda de Caselas nas eleccións municipais de maio. O presidente
local, arroupado polo presidente provincial, Luis López, e a secretaria xeral do
partido, Luisa Piñeiro, anunciou onte pola noite a súa candidatura ante membros da
xunta local do partido durante o tradicional pincho de Nadal.
Rodríguez Davila, que foi elixido presidente local do partido hai un mes, di que “é
momento do cambio real, de apostar por un partido que garanta que Salceda de
Caselas e os seus veciños sexan a súa prioridade. Un Goberno unido cun proxecto
real e serio para o noso concello”. Nesta liña, sinala que o Partido Popular é a
única alternativa a un Goberno Bipartito “dividido, sen rumbo e sen proxecto, o
goberno máis caro e coa peor xestión”. O resto, engade, é continuar como ata o de
agora.
O candidato explica que a mocidade terá unha atención e programación
diferenciada, os maiores terán voz nas decisións que lle afecten e aos autónomos
e pemes poranlles as cousas doadas para que continúen investindo no concello.
Con respecto aos colectivos culturais, deportivos, asociacións e traídas de augas,
comprométese a que “en catro anos de mandato notarán un cambio importante
con respecto ás axudas directas e a atención. Todos serán tratados en base a
baremos claros e coñecidos”. Por último, destaca que os equipamentos deportivos
e educativos serán unha prioridade do goberno municipal que confía en presidir a
partir de maio.

Santiago Rodríguez será o candidato do PP á alcaldía de Salceda de Caselas