domingo. 03.07.2022

VigoZoo enche de astronomía as fins de semana do verán

O alcalde deu conta este luns en rolda de prensa das tres propostas que acolle VigoZoo para conmemorar o seu medio século de vida na cidade: os sábados astronómicos, os domingos de astronomía e a noite das Perseidas.
abel-caballero21

O mundo da astronomía será o protagonista das fins de semana deste verán en VigoZoo, que celebra os seus primeiros 50 anos de vida con diferentes actividades para achegar á cidade a esta área de coñecemento, tal e como apuntou Abel Caballero.

Os “Sábados astronómicos” desenvólvense o sábado 26 de xuño, todos os sábados do mes de xullo e todos os de agosto, excepto o último. As persoas participantes, en grupos de 25, poderán aprender con actividades de astronomía e observación de estrelas entre as 22:00 horas da noite e ata as 00:00 horas da madrugada. A filosofía Startlight, a traxectoria dos astros, nocións de uso do telescopio e os prismáticos para observación dalgunha galaxia, localización con punteiro láser das constelacións, nocións de mitoloxía...

A “Noite das Perseidas” celébrase o 12 agosto dende as 22:00 horas e ata a medianoite. A previsión do goberno municipal é que poidan asistir 75 persoas, en función das restricións Covid vixentes nese momento, para observar as Perseidas, aprender a localizar as constelacións, con xogos astronómicos para os máis pequenos...

A terceira proposta, pensada para as familias, é “Astronomía en VigoZoo” e terá lugar os domingos: o 27 xuño, todos os de xullo e os tres primeiros de agosto, en horario de mañá e tarde (con catro sesións ás 11 e 13 horas e ás 16 e 18 horas da tarde), en grupos de 10-12 persoas. Serán actividades baseadas na simulación mediante a proxección do ceo nocturno de Vigo, cun programa informático e pantallas e proxectores da sala de cambio climático de Vigozoo. As persoas que asistan aprenderán a orientarse durante a noite, recoñecer as constelacións, estrelas e planetas visibles esa noite, nocións de mitoloxía e historia da astronomía así como o manexo dun planisferio.

Para sumarse ao programa de VigoZoo é preciso facer reserva previa, no teléfono 986267783. As actividades desenvolveranse cumprindo as medidas de seguridade sanitaria vixentes en cada momento.

VigoZoo enche de astronomía as fins de semana do verán
Comentarios