domingo. 06.10.2024

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta tarde xunto coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, na presentación de Mar de Santiago Experiencie na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid, co obxectivo de dar a coñecer a ruta marítimo fluvial desde Vilanova de Arousa a Pontecesures, pasando por Valga e Catoira.

Os catro concellos promoven esta ruta coa que se recrea o itinerario vencellado á chegada dos restos do Apóstolo Santiago a Galicia, a Traslatio, a través da Ruta do Mar de Arousa e do Río Ulla, no marco da marca Mar de Santiago que se lanzou o ano pasado. Alfonso Rueda explicou que esta marca contribúe a identificar Galicia cun modelo de turismo seguro, tranquilo, sostible e de  calidade.  A nova ruta supón, de feito, un paso máis para consolidar a marca Mar de Santiago e descubrir o patrimonio histórico, cultural e gastronómico dos concellos que a integran.

Guía gastronómica Lugo

Acto seguido, o vicepresidente primeiro da Xunta tamén participou, acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, na presentación da 14ª edición da guía turístico-gastronómica da provincia de Lugo ...E para comer, Lugo, xunto ao presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real. A publicación, titulada Lugo, cruce de camiños, está protagonizada neste ano polo Xacobeo 21-22 e percorre as diferentes etapas do Camiño de Santiago das rutas oficiais que atravesan a provincia lucense para dar a coñecer os recursos turísticos dos concellos de Lugo.

Na súa intervención, Alfonso Rueda lembrou que a gastronomía é un dos atractivos que ofrece o Camiño de Santiago e que a Xunta potenciou con iniciativas como Écociña no Camiño, unha proposta pensada para dar a coñecer a peregrinos e turistas a oferta de calidade e sostible da hostalería galega nas rutas xacobeas, que incluíu demostracións de menús autóctonos nas prazas de abastos con produtos de proximidade.

O vicepresidente primeiro da Xunta confía en que este 2022 Galicia poida celebrar o  Xacobeo 21-22 que merece e que sexa o gran ano do turismo para a comunidade porque ofrece unha proposta tranquila en espazos abertos e en contacto coa natureza que buscan os viaxeiros pospandemia.

Nesta liña, indicou que o reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade permitiu o ano pasado situar á comunidade nos postos de cabeza da recuperación do turismo en toda España, case 25 puntos por riba da media nacional con 3,5 millóns de viaxeiros e 8 millóns de noites, sendo o único destino que en agosto superou as cifras turísticas de 2019. Ademais, no Camiño de Santiago superáronse tódalas expectativas con 180.000 Compostelas, 40.000 máis que as 140.000 coas que estaba previsto pechar o ano 2021.

O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que Galicia volverá a estar de moda este ano, ao igual que o estivo o ano pasado grazas ao esforzo do sector e ao apoio da Xunta para contribuír á súa recuperación con máis de 120 millóns de euros en distintas liñas de axuda e medidas pioneiras, como o bono turístico para inxectar liquidez mediante o consumo interno, ou o seguro coronavirus para ofrecer un plus de tranquilidade cubrindo os gastos derivados ante un caso de infección por covid.

Neste ano, a Xunta  espera  mellorar os datos cuantitativos e cualitativos para consolidar Galicia como un destino de excelencia, rendible e sustentable aproveitando o tirón do Xacobeo e os proxectos financiados con fondos europeos Next Generation. 

A Xunta apoia o turismo sostible e de calidade vencellado ao Camiño e ao Xacobeo da...