jueves. 28.03.2024

Vídeos

Rois conmemora o Día da Muller Rural cun vídeo protagonizado por 9 veciñas

Con motivo do Día Internacional da Muller Rural, que se celebra o 15 de outubro, o Concello de Rois edita un vídeo protagonizado por nove veciñas do municipio. Empresarias, directivas e integrantes das asociacións de mulleres rurais de Rois narran as súas experiencias vitais como veciñas dun concello eminentemente rural e ofrecen a súa visión sobre o papel da muller no sector agrogandeiro e no tecido asociativo local.

A intención do Concello de Rois é darlle visibilidade á figura da muller rural e recoñecer o seu papel e o seu liderado neste ámbito, destacando a importancia das achegas económicas, sociais e culturais das mulleres. No vídeo recóllense nove historias, que poderían ser moitas máis, e que evidencian a importancia do impulso feminino no pasado, no presente e no futuro do municipio.

As protagonistas son Ermitas Suárez e Rocío Silva, de Legumbres Ermitas; Lorena Agrafojo, da granxa Albagueira SC; Mª Teresa Martínez e Mª Elvira Iglesias, presidenta e fundadora da Asociación de mulleres rurais de Urdilde respectivamente; María Boullón, vogal da Asociación de mulleres rurais San Martiño de Ermedelo; e María José Lamas e Teresa Fernández, vicepresidenta e socia da Asociación de amas de casa de Rois.

Emprendemento feminino no rural

Ermitas Suárez, Rocío Silva e Lorena Agrafojo ofrecen a súa visión do emprendemento feminino no rural. “Hoxe en día para empezar de cero unha empresa no rural hai que ter moita gana de traballar”, advirte Rocío Silva, quen se considera afortunada ao coller o relevo de Legumbres Ermitas, creada polos seus sogros hai corenta anos. A fundadora, Ermitas Suárez, relata no vídeo como empezaron con 500 metros cadrados de invernadoiros e hoxe teñen 5.000. Agora está xubilada, pero non esquece os días nos que ía vender o seu produto a Santiago de Compostela: “para unha muller ir cun camión podía supoñer un risco, pero para min foi como levar un coche pequeno”. “Sempre fun dona do que fixen”, sentencia.

A diferenza nos roles desempeñados por mulleres e homes no rural aínda existe, pero esta dinámica amosa indicios de cambio e cada día son máis as mulleres que asumen tarefas que antes tiñan vedadas. Lorena Agrafojo, da granxa Albagueira SC, pon o acento en que “agora as mulleres tamén manexan a maquinaria e antes era traballo de homes”. Porén, o papel da muller no coidado doméstico e familiar segue a ser preponderante. “Si que é verdade que o home non se meteu tanto a facer as cousas da casa”, resalta Lorena.

Esta veciña de Rois, licenciada en Relacións Laborais e Recursos Humanos, elixiu a gandería por vocación. “Sempre me gustou traballar con animais”, unha profesión que ademais lle permite a Lorena conciliar a vida laboral e familiar porque, segundo di, “a vantaxe fundamental é poder dedicarme á familia e traballar no que me gusta. Xa din que se traballas no que che gusta non traballas ningún día do ano. E para min é así”, remacha cun expresivo sorriso.

Lorena Agrafojo destaca que “vivir no rural ten moitas vantaxes” e que “en Rois teño todos os servizos que demando”. Unha idea na que tamén incide Rocío Silva: “temos sanidade, educación, internet… en Rois estamos ben cubertos”. Ambas as dúas coinciden en que no rural hai futuro para a muller, se ben recoñecen obstáculos no presente como a crise provocada pola covid-19 ou os baixos prezos. “A xente esixe produtos ecolóxicos, pero á hora de pagalos amósase remisa”, censura Rocío Silva.

Forte tecido asociativo

Rois foi un municipio pioneiro en Galicia na formación de asociacións de mulleres rurais. Desde 1986, ano no que se creou en Urdilde a primeira organización deste tipo en Galicia, este movemento asociativo contribúe a dinamizar o tecido social e cultural do concello.

María Teresa Martínez, presidenta da Asociación de mulleres rurais de Urdilde, destaca o “cambio que supuxo para moitas mulleres” a creación desta entidade, grazas á que “pasaron de estaren encerradas nas aldeas a poder saír de viaxe e reunirse”. Unha das fundadoras desta asociación, Mª Elvira Iglesias, esboza un sorriso ao lembrar o ben que o pasaban: “faciamos excursións, había cursos de moitas cousas e saíamos, que naquela época non podiamos saír da casa a ningún sitio”.

Á de Urdilde sumaríanse despois a Asociación de mulleres rurais San Martiño de Ermedelo e a Asociación de amas de casa de Rois. Unha socia desta última, Teresa Fernández, comenta no vídeo como “ao primeiro fomos moi criticadas”, pero a censura non lles impediu a estas mulleres “que non sabían máis que traballar e traballar, saír do seu mundo”, describe María Boullón, vogal da asociación de Ermedelo.

Na actualidade, as tres asociacións xogan un papel moi activo no tecido asociativo local, se ben a remuda se percibe complicada. “Hoxe hai un problema porque a xente nova non se involucra neste tipo de asociacións”, lamenta Mª Teresa Martínez, algo que María José Lamas, vicepresidenta da Asociación de amas de casa de Rois, atribúe a que “a xente nova ten agora outras facilidades que nós antes non tiñamos”.

Día Internacional da Muller Rural

O Día Internacional da Muller Rural foi establecido en 2008 polas Nacións Unidas para “recoñecer o papel decisivo das mulleres no desenvolvemento, a seguridade alimentaria e a erradicación da pobreza”. Este ano o lema é “Mulleres líderes: Por un futuro igualitario no mundo da covid-19”.

O vídeo institucional, editado pola empresa de comunicación Alicentis, preséntase baixo o título O Concello de Rois coa muller rural. Pasado, presente e futuro. Esta iniciativa audiovisual forma parte da campaña Rois actúa en igualdade, que responde ao acordo de colaboración do Concello de Rois coa Deputación da Coruña no desenvolvemento de accións que fomenten a igualdade entre homes e mulleres.

Rois conmemora o Día da Muller Rural cun vídeo protagonizado por 9 veciñas